Un centro médico saturado e con longas listas de espera

    salome_pena.jpg RIBADUMIA> A alcaldesa Salomé Peña solicita un facultativo máis para o ambulatorio coa fin de adaptar a oferta de médicos ó crecemento da poboación.

    Máis de dous mil pacientes para cada médico. Esta é a media de habitantes que atende cada un dos dous facultativos cos que conta na actualidade o Centro Médico de Ribadumia. As queixas dos usuarios polas longas listas de espera e a saturación que rexistran as salas do ambulatorio chegaron ata a alcaldía. Por iso, a rexedora, Salomé Peña, acaba de solicitar á xerencia de Atención Primaria do SERGAS un facultativo máis que reduza ‘a merma de atención médica’ que, segundo a alcaldesa, está a padecer o municipio.

    ‘O crecemento continuo da poboación –explica Peña-, provoca que a atención sanitaria quede escasa neste municipio con solo dous médicos, polo que é urxente e necesario que tomen unha decisión o máis pronto posible’. E é que a poboación en Ribadumia segue medrando. Arestora existen preto de 4.300 persoas maiores de catorce anos, o que supón que cada un dos dous médicos rexistra unha carteira de arredor de 2.150 pacientes.

    ‘Os veciños de Ribadumia –engade a alcaldesa- deben esperar máis que o resto para poder acceder á consulta de atención primaria’, polo que, o progresivo aumento da poboación só fará que a situación ‘empeore’ se non se toman antes as medidas oportunas, concedendo un terceiro médico ó centro ‘que reforce a atención no consultorio e responda a toda a demanda existente’.

    Redacción Salnés