Detido o sanxenxino que conducía a embarcación que golpeu mortalmente un bañista en Silgar

SANXENXO> Detido o home que conducia a embarcación que golpeu mortalmente un bañista na praia de Silgar. É un veciño de Sanxenxo de 36 anos. Está acusado de homicidio imprudente. Foi arrestado pola Garda civil. Logo de negarse a declarar, foi posto en liberdade á espera de ser citado polo xulgado de Cambados.

A Garda Civil detivo esta mañá o home que conducia a embarcación que o pasado Venres Santo golpeu un bañista na praia de Silgar, en Sanxenxo, causándolle a morte. Trátase dun veciño da localidade de 36 anos. Está acusado dun delito de homicidio imprudente.

O home negouse hoxe a declarar. Quedou en liberdade a espera de ser citado polo xulgado de Cambados. Alí xa recibiron o primeiro atestado no que se dá conta do falecemento do bañista, Juan Manuel Tábara, oftalmólogo coruñés de 59 anos. A Garda Civil conta xa coa declaración de varias testemuñas e trata agora de determinar máis detalles de cómo aconteceu o sinistro, así como da velocidade á que ía que, segundo as primeiras información, era excesiva.

Os datos recabados tamén indican que a vítima nadaba dentro do perímetro de seguridade da costa. Un espazo que estaría reservado para os bañistas en tempada alta con boias de seguridade. O alcalde de Sanxenxo indica que ese dispositivo non estaba aínda instalado porque é inviable fóra dos meses de verán. Con todo, abre a man a buscar fórmulas para incrementa-la seguridade en zonas como a de Silgar, onde nesta Semana Santa foron moitos os que se botaron á auga.

O rexedor aproveitou para transmitir á familia da vítima a constarnación da corporación e do conxunto da veciñanza polo tráxico suceso.