O PSOE denuncia vertidos ilegais en Cabana e Cortiñas de Abaixo

    foto_vertidos_cambados.JPG CAMBADOS> Para poñerlles solución, os socialistas propoñen promover unha campaña de concienciación ambiental e de promoción do uso do punto limpo.

    O voceiro do PSOE de Cambados e candidato á alcaldía, Domingo Tabuyo, denuncia novamente a acumulación incontrolada de lixo en distintos puntos do municipio, “vertedoiros ilegais”, como os define, “que causan graves prexuízos, non só á paisaxe, senón tamén ó medioambiente”. Os últimos ós que fai referencia atoparíanse na zona da Cabana, nun solar próximo á rotonda de acceso á vía rápida, e en Cortiñas de Abaixo. Segundo Tabuyo, os restos de obras, mobiliario e incluso electrodomésticos, “permanecen no tempo nas marxes das rúas e nos pinais sen ser retirados”.

    Os socialistas locais fan un chamamento á responsabilidade cidadá e ó goberno local. Para comezar solicitan a limpeza urxente destes puntos de refugallo e que se incremente a vixilancia neste tipo de vías do rural e de acceso a montes coa fin de evitar que proliferen estas prácticas. A continuación, consideran recomendable impulsar unha campaña informativa entre os veciños sobre os prexuízos que causan estes vertidos incontrolados así como promover o coñecemento do punto limpo.

    Redacción Salnés