O musical ‘A bóla máxica’ fai parada en Vilagarcía o 10 de maio

    VILAGARCÍA> O musical “A bóla máxica” chega a Vilagarcía. O auditorio da vila acollerá o día 10 de maio este espectáculo, dirixido a públicos de todas as idades.

    A obra conta a historia de Tecnecio, un guerreiro chegado doutro mundo onde os nenos viven na tristura. O seu Rei envíao á terra, onde, axudado por unha fada, terá que aprender a gardar toda a ilusión, diversión e fantasía nunha bóla máxica. O musical, creado e producido en Galicia por artistas locais, fai agora parada en Vilagarcía despois de percorrer Vigo, Ourense, Cangas, Santiago, Lugo ou Ferrol, levando a súa historia a máis de 14 mil espectadores. As entradas teñen un custo de 12 euros, e poden mercarse en servinova.com.