VILAGARCÍA> Vilagarcía xa celebra a chegada de 2026. O municipio acolleu esta mañá as vodas de prata da Toma das Uvas, unha festa moi especial deseñada a modo de viaxe no tempo a través deses vinte e cinco anos de historia.
A praza de Ravella encheuse de xente dende as 11 da mañá, para gozar dos distintos espectáculos e animacións, cunha temática que serviu para facer un percorrido polos 25 anos de historia da festa, nacida no ano 1998.
Carrlos Blanco e Erea Hierro dirixiron a festa na que non faltou música, humor e baile. Ademais de presentar o evento, lembraron ao público as súas orixes como evento solidario e desbotaron falsas lendas como a do apagón.
Borja Santamaría foi o encargado de abrir a celebración para quentar o ambiente cunha pinchada de éxitos musicais dos últimos 25 anos que se ilustraron en pantalla con imaxes de todo este período, tanto da propia Festa da Toma das Uvas, como outras representativas da época. Seguiulle a animación de Nydia e o espectáculo “Brila! Que as nosas mans sexan luz”, no que o grupo de Nelson Quinteiro recuperou as míticas burbullas do cava nunha estética que mestura cabaré e musical de Broadway.
Os espectáculos pararon para o momento álxido das doce badaladas e a correspondente toma das uvas. Tras os brindes e os canóns de confeti, a atención dirixiuse cara ao gran acio inchable de uvas que este ano decorou a Praza de Ravella. Tras isto, a festa continuou coa música en directo do Somoza Trío, que para a ocasión preparou o espectáculo “Rebobina”, un concerto homenaxe a toda unha xeración e cun repertorio dos grandes éxitos de varias décadas, especialmente da dos 90.
Como é costume, o Concello distribuirá de balde as racións de doce uvas ou outros tantos doces de goma para os máis cativos, así como copas de cava para os adultos. Calcúlase que foron repartidos uns 400 quilos de froita, 1.700 racións de gominolas e unhas 400 botellas de cava.











