Un total de 45 equipos disputarán este ano o Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base

RIBEIRA> Oporto, Benfica, Villarreal, Betis, Zaragoza, Deportivo, Celta ou mesmo Real Madrid, este último por primeira vez na historia do Torneo, son só algúns dos 45 equipos que tomarán parte este ano na sétima edición do Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base para categorías benxamín e alevín, que terá lugar no estadio municipal da Fieiteira en Ribeira o 25 e 26 de maio.

O peso da organización do Torneo recae en Julio Mariño, un apaixonado do fútbol no Barbanza, que con gran tesón e dedicación apostou por un Torneo de máximo nivel na comarca, buscando a implicación, ademais das Administracións, de numerosas empresas da zona. Segundo el, sen a colaboración de todos, sería imposible levalo a cabo.

Pero o fútbol non é o único protagonista. O torneo ten tamén un carácter solidario, un aspecto que o fai, se cabe, máis importante. Todo o recadado  irá  a parar como nas anteriores edicións á Fundación Aladina.

O Torneo , xa consolidado como unha dos de maior prestixio dos que se celebran actualmente en España, deixará tamén un gran retorno na comarca, con reservas de hoteis e restaurantes para esas datas, xerando un gran impacto económico na zona.