CARRIL> Os mariscadores das rías de Arousa e de Muros e Noia alertan do descenso imparable da produción de ameixa e berberecho. Apuntan que nos últimos 20 anos os recursos minguaron un 70%. Pídenlle á Xunta que asuma as súas competencias e que impulse un plan de rexenaración das rías. Demandan tamén estudos e máis investigación para determina-la orixe desta perda de produtividade, así como actuar sobre as causas que a provocan.
Hai moito tempo que o veñen advertindo, pero a situación -segundo din- está chegando ao límite. Os mariscadores alertan dun descenso ‘imparable’ da produción de berberecho e ameixa nas rías de Arousa e de Muros e Noia.
A estes datos alarmantes, din, hai que sumar a falta de iniciativa da Xunta para buscar solucións.
Entre esas medidas, os colectivos reclaman un plan de rexeneración vinculado ás axudas, que permita solventar-los problemas administrativos entre a Xunta e o ISM para non atranca-la actividade.
Ademais, piden tamén estudos independentes e multidiscliplinares para dar coas causas da merma da produtividade. Tamén piden actuar sobre os factores xa demostrados que a provocan, como a contaminación de fábricas ou minas ou os protocolos de desencoro. Todo isto quéronllo expoñer á Xunta, a través dunha xuntanza que xa solicitaron. Aínda lles queda algunha esperanza, pero non descartan saír á rúa se fose preciso.
Os traballadores do sector alertan tamén da falta de relevo xeneracional. Unha situación, din, que pon en xaque o futuro do marisqueo tradicional. Temen que o futuro pase por entrega-lo sector á acuicultura industrial, o que implicaría o arrastre económico doutros sectores.











