Derbi con sabor a final entre Arosa e Cambados

8

SALNÉS> O gran protagonista da fin de semana futbolística será o derbi da Lomba entre Arosa e Cambados. Ademais, na Terceira o Portonovo recibirá o domingo o Estradense mentres que o Vilalonga xoga mañá en Narón.

Coa tranquilidade que dá a clasificación actual, o Vilalonga xoga esta fin de semana en Rioseco. Despois de gañar ó Ourense, ós de Gabi Leis podería servirlles cunha única victoria de aquí ó remate de temporada para asegurar matemáticamente a salvación. Os celestes recuperan a Miguel no eixo de zaga para enfrontarse a un Narón en franca melloría, que despois de 22 xornadas en postos de descenso directo agora colócase na fronteira da queima. Un campo que se lle dá ben o Vilalonga onde só perdeu unha das seis veces que o visitou.

Se é que aínda residen esperanzas de salvación en Baltar todo pasa por gañar o domingo ó Estradense. Mídense o peor equipo coma local contra un dos peores como visitante. Os de Molina tentarán facer un bo papel diante dunha afección resignada coa marcha do equipo. Sergio Portela é baixa por sanción.

Da Preferente o máis destacable é sen dúbida o encontro que se vai disputar na Lomba entre Arosa e Cambados. Un derbi cargado de emoción e de vital importancia entre dous conxuntos que chegan no seu mellor momento da temporada e con moitas gañas de saír dos postos baixos da táboa. Agárdase unha das mellores entradas da temporada na Lomba nun duelo que promete bo futbol. Ríos é baixa no cadro local, onde Lino González podería facer debutar á nova fichaxe, Álex Mañas. No Cambados non estarán seguro Fran e Eulogio.

Tamén na loita pola permanencia está metido un Ribadumia que se xoga moito máis que tres puntos ante o Marín. Trátase dun encontro que de gañalo deixarían case afundido a un rival directo, que leva oito xornadas sen gañar. Sorbet e Cebreiro terán que ver o partido dende a bancada.

Con menos apuros o Céltiga recibe ó Nigrán. Os de Núñez queren darlle continuidade á súa boa xeira de resultados ante o equipo máis en forma da competición.

Do que aconteza na Illa estarán moi pendentes no Revel, onde o Sanxenxo non pode errar ante o Porriño se é que quere seguir en prazas de ascenso. Coa baixa de Dani Abal os de Calucho non pretenden frean agora a súa excepcional traxectoria.

Redacción Salnés

COMPARTIR