O Sanxenxo a seguir soñando co ascenso a costa do Barbadás

SALNÉS> Da Preferente Sur o encontro máis interesante será o que enfrente no Revel a Sanxenxo e Barbadás. Na Terceira o Portonovo recibe ó Bergantiños mentres que o Vilalonga xoga en Bouzas ante o Rápido.

Coa importante baixa de Saúl o Vilalonga desprázase ata Vigo para enfrontarse ó Rápido. O rival desta xornada é un dos mellores equipos da liga como local. Son décimos na xeral e precisan unha victoria máis para acadar a permanencia matemática. Os celestes visitan un campo que se lles dá ben, xa que nos últimos tres anos nunca perderon.

O Portonovo recibe ó Bergantiños. Os locais, virtualmente descendidos, tentarán poñerlle as cousas complicadas ós de Oreiro, que están a saír da queima despois de sumar catro victorias e tres empates nas últimas sete xornadas. Nel e Villaverde son baixa por sanción.

Da Preferente Sur destaca o partido entre segundo e cuarto na xeral, o Sanxenxo-Barbadás. Logo de dúas semanas sen gañar os de Calucho precisan da victoria para manter a segunda posición da xeral e de paso descolgar ós ourensáns na loita polo ascenso.

Tamén será interesante o partido do Salvador Otero entre os dous equipos máis en forma da competición: Céltiga e Cruceiro. Os da llla están a un paso da permanencia logo de sumar 14 dos últimos 18 puntos en xogo. Terán complicado aumentar a xeira xa que reciben a un conxunto que non perde dende o 9 de xaneiro.

Na loita por eludir o descenso o Arosa semella que é quen o ten máis sinxelo esta xornada para gañar. Os de Lino González queren seguir coa súa excelente liña de xogo e resultados a costa dun Arenteiro xa descendido.

O Cambados busca referendar o seu bo momento ante o Choco. Coa baixa de Edu por sanción, os de Oliveira teñen a necesidade de gañar para non verse descolgados da loita.

O mesmo que lle pasa ó Ribadumia que ten a oportunidade de dar un paso de xigante cara a permanencia esta fin de semana. Enfróntase a un rival directo como o Atios, que tras seis derrotas consecutivas comézase a recuperar. Os de Sorbet teñen que sacar algo positivo fóra da Senra dunha vez por todas para salvar a categoria.

Redacción Salnés