Emoción e reivindicacións deportivas na clausura da Festa da Raia

    raiasouroportonovo copia.jpg SANXENXO> A entrega das Raias de Ouro 2011 ó empresario José Leopoldo Portela e ó club de Piragüismo de Portonovo pechou as celebracións.

    {flowplayer}images/salnes/RAIAS_OURO2011.flv{/flowplayer}

    A concesión das Raias de Ouro 2011 puxo o broche á décimo sétima edición da Festa da Raia de Portonovo. Un acto no que a emoción e a reivindicación tiveron protagonismo a partes iguais. Emoción, sobre todo, durante a entrega dos galadóns ó empresario José Leopoldo Portela e ó club de Piragüismo. Nos dous casos os agraciados conseguiron poñer ó público en pé e arrincar sonoros aplausos, incluso algunha bágoa, no caso de Portela. E é que este portonovés afincado en Asturias botou man das súas lembranzas de neno para amosarse orgulloso de ser de Portonovo. ‘O mellor embaixador desta vila en toda España`, como salientou a alcaldesa Catalina González.

    Portela tivo que tomar a palabra en dúas ocasión xa que os nervios do momento traizoárono e non lle deixaron transmitir tódolos agradecementos que tiña cara o seu pobo. O mesmo clima de emoción se viviu cando o presidente do club de Piragüismo recibía a Raia de Ouro, concedida pola labor social que esta entidade vén facendo na vila desde hai máis de 30 anos.

    Pero no discurso de Alberto Rodríguez houbo tamén oco para a reivindicación. Para pedir que dunha vez por todas se constrúa a prometida sé do club para que os seus membros poidan adestrar con maior seguridade. Petición que veu precedida por unha marcha, pancarta en man, coa que pais e nenos chegaban á carpa da festa.

    A confraría de Pescadores quixo entregar tamén ós gañadores das Raias de Ouro unha placa conmemorativa e o club de futbol sala Hermanos Barbeito tivo tamén un detalle con Leopoldo Portela pola súa hospitalidade cada vez que viaxan a Asturias. O acto completouse coa entrega de premios ós vencedores do concurso de cociña da Festa da Raia tanto na categoría profesional como na amateur, dando paso finalmente á degustación deste peixe nas mesas habilitadas dentro do recinto portuario.

    Redacción Salnés