O Viajes Interrías cae goleado no peche de temporada

SALNÉS> Rematou a liga na Primeira Nacional A na que milita o Viajes Interrías. Os portonoveses xogaban na casa ante un dos mellores equipos da categoría, o Parrulo, que levouse a victoria de xeito claro tras golear por 1-10.

Fin de temporada e fin de sufrimento para o Viajes Interrías. A reestructuración na liga pretendida dende a Federación que condenaba ó descenso á metade baixa da táboa, condicionou a competición, deixando a equipos dende principios de ano sen opcións de permanencia. Un deles foi o Interrías que camiñou con máis pena que gloria pola liga durante os últimos catro meses.

Un bo resumo do que foi esta temporada foi o que aconteceu no derradeiro partido ante o Parrulo, no que os de Salgueiro caeron por 1-10. un encontro que xa nos primeiros dez minutos estaba sentenciado co 0-4 co que dominaban os visitantes no electrónico. Un gol de Roi antes da pausa maquillaba un resultado que na segunda parte fíxose escandaloso. O choque foi unha mostra máis da enorme desigualdade que se vivíu este ano na Primeira Nacional A.

A directiva do club reunirase nos vindeiros días para traballar xa no proxecto da nova temporada no que se fará aposta pola xente xoven. A proposta será máis ou menos ambiciosa dependendo das posibilidades económicas, cada vez máis escasas. Iso sí, o Interrías remata a temporada coas súas arcas saneadas e sen débeda de ningún tipo.

A temporada foi completamente diferente para o Noia que rematou segundo a tan só un punto do campión, Cidade de Narón. No derradeiro partido impuxéronse con claridade ó Puertas Deyma, por 1-4.

Redacción Salnés