O martes comeza o xuízo pola ‘Operación Cormorán’

    audiencia.jpg PONTEVEDRA> No banco dos acusados sentarán 33 persoas. Non estarán dous dos supostos cabecillas da rede de branqueo de capitais, arestora fugados da xustiza.

    Ás nove e cuarto da mañá do martes está previsto que comece no salón de plenos da Deputación de Pontevedra o xuízo contra os presuntos integrantes dunha trama dedicada ó branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, falsificación de documentos e tenencia ilícita de armas. A ‘Operación Cormorán’ está considerada como o primeiro macrooperativo levado a cabo nas Rías Baixas para perseguir negocios financeiros con cartos procedentes do tráfico de drogas. Estivo dirixida polos xulgados de Caldas, e nela caeron preto de trinta persoas entre finais do 2004 e xuño so 2005. A maior parte das detencións producíronse en municipios das comarcas de Arousa, Caldas e Pontevedra. Entre os apresados estaban os supostos cabecillas da trama: o ribeirés José Antonio Pouso Rivas, alias ‘Pelopincho’, e o avogado pontevedrés Francisco Argibay. Ningún dos dous comparecerá este martes ante a xustiza, xa que aproveitaron a liberdade condicional para fuxir. Tampouco estará outro dos 36 imputados por ter falecido.

    A ‘Operación Cormorán’ levouse a cabo nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Comezou cando a Garda Civil detectou a un grupo de persoas de nacionalidade brasileira e colombiana que estaban adquirindo unha serie de inmobles e baixos comerciais nestas dúas provincias. As manobras fixeron sospeitar ós investigadores que se podería tratar dun negocio de branqueo. As posteriores indagacións culminaron coa detención de 36 persoas, numerosos rexistros e a incautación de bens por un valor aproximado de 15 millóns de euros, entre os que hai coches de alta gama, xoias, armas e incluso facsímiles de libros medievais. Na actualidade todos estes bens atópanse en mans da Fiscalía de Pontevedra, encargada de custodialos ata a conclusión do xuízo. Entón agárdase que pase a mans do Plan Nacional sobre Drogas.

    Gran parte dos 33 imputados que se someterán a xuízo verán rebaixadas considerablemente as súas penas debido á aplicación da reforma do Código Penal. De feito, 22 dos acusados xa chegaron a un acordo coa Fiscalía para declararse culpables a cambio de beneficios penais.

    Trala sesión do martes na Deputación de Pontevedra, o xuízo continuará os días 28,29 e 30 de xuño en dependencias da Audiencia Provincial, para pechar o 5 e 6 de xullo nestas mesmas instalacións.

    Redacción Salnés