A Policía Local de Rianxo volve a remover conciencias coa súa campaña de tráfico

RIANXO> Por segundo ano, vendo ademais o éxito da edición anterior, a Policía Local, presentou a súa nova campaña de tráfico para estas datas de Nadal. A través dun vídeo, cun lema claro ‘Bebiches? Ti decides quen te leva’, pretenden poñer freo ó consumo de alcol ó volante. Calquera de nós pode ser o protagonista deste vídeo. Un mozo con algunhas copas demais, despois de saír de troula decide coller o coche. No seu camiño atópase cun control de alcolemia, un accidente e tamén un coche fúnebre. Trátase da última campaña da Policía Local de Rianxo, coa que pretende remover conciencias, para evitar máis mortes ó volante, principalmente nestas datas de Nadal. A idea e a realización do vídeo partiu de dous mozos da localidade Román Castaño e Duarte Galbán, que co seu traballo quixeron aportar o seu gran de area a esta causa e evitar que se colla o coche baixo os efectos do alcol ou as drogas. Nel colaboran tamén 061, bombeiros, taxistas e mesmo unha funeraria. O vídeo xa se está a facer viral polas redes, tendo xa moitos seguidores. Esperemos que faga o efecto para o que foi creado e con el se eviten máis mortes ó volante.