Portosín acollerá este sábado a primeira das probas do Campionato Galego de Motonáutica Inclusiva

NOIA> Este próximo sábado arranca o Campionato Galego de Motonáutica Inclusiva. A primeira das probas desta competición, que se prolongará ata o mes de outubro, celebrarase no Real Club Náutico de Portosín.

Baixo a organización da Federación Galega de Motonáutica este próximo sábado, ás dez e media da mañá, arrancará  no peirao deportivo de Portosín o Campionato Galego Inclusivo, Trofeo Fibralar. Nesta edición, o Campionato contará cun número destacado de pilotos, que percorrerán boa parte da comunidade galega, cunha ducia de probas repartidas entre os meses de abril a outubro. Puntúase a habilidade no manexo da embarcación, non a velocidade.

Na presentación do Campionato tamén estiveron presentes o presidente do Real Club Náutico Portosín, Jorge Arán, e o edil de Deportes de Porto do Son, Juan Pouso. Os dous destacaron a importancia de poder acoller este tipo de probas.

Ademais de Portosín, a competición recalará en Outes, Ares, Cabo de Cruz, Castrelo do Miño ou A Guarda, entre outras localidades.