Pablo Vázquez estréase con victoria e sen encaixar gol

futbol250_230209.jpgSALNÉS> O Arousa saíu dos postos de descenso logo de impoñerse pola mínima ó Pontevedra B (0-1). Foi a segunda vez na temporada que o conxunto vilagarcián foi quen de deixar a súa portería a cero. Marcos Canle non correu a mesma sorte co Portonovo, que empatou sen goles ante o Negreira.

Portonovo e Negreira empataron sen goles no partido no que debutaba no banquiño Marcos Canle, que non o puido facer con victoria. Undécimo empate para os portonoveses que volveron a caer nos mesmos erros que na etapa de Milucho, é dicir, non estiveron acertados de cara á portería rival.

Tiveron moitas ocasións de gol, tanto na primiera metade como na segunda, a máis clara nas botas de Tinaia  cun disparo dende a frontal que sacou a corner Albor.

Co paso dos minutos tamén o Negreira estivo preto do gol, primeiro cunha acción de Julián que desbaratou Marcos e depois cun trallazo ó longuerio de Adrián que a piques estivo de dar un disguto ós afeccionados locais.

O Portonovo suma tres meses sen gañar, continúa en postos de descenso aínda que a tan só un punto da salvación que agora a marca o Arousa. 

Precisamente para o Arousa foi a xornada perfecta. Picaron tódolos seus rivais pola permanencia e eles gañaron a outro conxunto que tamén está loitando pola salvación. E todo iso no primeiro partido de Pablo Vázquez no banquiño arlequinado, ó que non lle puido ir mellor.

O Arousa amosou por primeira vez en moito tempo unha gran seguridade defensiva e dominou o xogo na maior parte do encontro, tocando e movendo ben a pelota.

Hugo Soto, foi o autor do único tanto do partido no minuto 37 que lle deu tres puntos importantes ó Arousa para saír  dos postos de descenso.

O conxunto vilagarcián só fóra quen de deixar nunha ocasión en toda a temporada a súa portería a cero, e foi precisamente ante o Pontevedra B no partido de ida, alá polo mes de outubro.

Pablo Vázquez comeza con moi bo pé adquirindo confianza para afrontar os vindeiros partidos ante rivais directos.

Redacción Salnés