O Sanxenxo desprázase a Oleiros sen marxe de erro

SALNÉS> Na Terceira hai cinco partidos adiantados para a xornada do sábado, entre eles o do Vilalonga, que recibirá en San Pedro ó Rápido de Bouzas. O Sanxenxo xogará o domingo ás 12 da mañá no campo do Dorneda.

Quedan tres xornadas para o remate da primeira volta e para estar tranquilo o Vilalonga quere canda menos gañar dous deses encontros, que xogará ante Bouzas e Estradense na casa, coa visita entre medias ó campo do Bergantiños. E é que despois o calendario complícase con varios encontros seguidos ante os grandes da liga. Os de Gabi Leis buscan máis regularidade nos resultados, sobre todo na casa. Esta semana terán a unha das sorpresas da liga, un Rápido de Bouzas que é sexto na táboa e que está a pelexar cos mellores. De feito este ano xa dobregou a Ferrol, Ourense e Fabril e ademais foi quen de empatar en Pasarón. O maior perigo do Bouzas é o seu pequeno dianteiro Benja, unha das revelacións da liga xa que ata o de agora sumou oito tantos e aparece entre os mellores goleadores do campionato. Os celestes precisamente non están a ver portería con facilidade este ano, se ben o equipo produce xogo ofensivo. A efectividade dos dianteiros será unha das claves do encontro.

Como clave tamén é o partido que xoga o Sanxenxo en Dorneda. Se ben o posto de Calucho semella non estar en perigo, unha derrota en Oleiros podería forzar a súa marcha. Sen Aguín e sen o recén fichado Gabi Misa, os amarelos teñen que tentar canda menos rascar un punto logo de seis derrotas consecutivas. As reducidas dimensión do Condús condicinarán o partido, se ben os visitantes poden verse máis cómodos nun campo pequeno. Como o Sanxenxo, o Dorneda é un recén ascendido e con 19 puntos é 13º na táboa. Un equipo que tan só gañou catro encontros pero o que é difícil de doblegar, de feito é o conxunto que máis empata da liga. Ata o momento asinaron táboas en sete ocasións.

Redacción Salnés