O Vilalonga ata ós seus piares defensivos: Tachi, Leo e Miguel

SANXENXO> O club celeste renovou a varios piares básicos do seu equipo: Leo, Tachi e Miguel Vázquez, tres dos catros defensas titulares que o ano pasado tan bo rendemento deron.

O Vilalonga xa ten á súa defensa atada. Dende que comezaron as negociacións co plantel para renovar o seu contrato, a directiva cría indispensable manter a liña defensiva que actou a temporada pasada. Contando que tamén seguirá Roberto Pazos, o club celeste conseguíu manter catro dos cinco. Tan só marcha o lateral pontevedrés Nano, que comeza unha nova andaina no Alondras.

Os demais todos quedan en San Pedro: Tachi e Miguel Vázquez renovaron o venres. A temporada pasada demostraron ser unha das mellores parellas de centrais da categoría. Ademais, tamén poden actuar calquera dos dous por diante da defensa, unha polivalencia que lles dá un valor engadido. No caso de Leo, o arxentino cumprirá a súa terceira temporada no Vilalonga. Pese a ser xa un xogador veterano, de 35 anos, destaca polo seu poderío físico e é indiscutible no equipo. Haberá que ver se ten máis sorte coas lesións que o curso pasado, no que non acadou moita continuidade.

Estas renovacións complementan o plantel, formado ademais por Saúl, Machu, Jesu, Pazos, Adrián Malleiro, Diego Blanco, Nelo, Fran Matos, Ramón e os fichados Anxo e Sergio Portela.

O último en chegar ó equipo de Gabi Leis foi Nando, terceira contratación deste ano. Trátase dun dianteiro de 20 anos, que actuou a tremporada pasada no Boiro e que militou con anterioridade no Pontevedra B. Aportará calidade ó ataque celeste.

Noutra orde de cousas a directiva comunicou que a vindeira fin de semana, entre os días 23 e 25, terá lugar a terceira edición da Festa Gastronómica Larpeira Celeste. Degustaranse productos típicos galegos a prezos populares. Na noite do sábado haberá ademáis verbena, na que se contará coa actuación do grupo musical Prisma. Con estas iniciativa, pretendese acadar unha nova fonte de ingresos para o club.

Redacción Salnés