BARBANZA> A deputada, Ana García Vidal, destacou que a partida máis elevada que aparece recollida nos Orzamentos da Xunta para o 2023 nestas tres comarcas é a mellora do sistema de abastecemento na marxe dereita da Ría de Arousa por un importe de 2’8 millóns de euros.
Tamén aparece a mellora do saneamento e a depuración de augas en Noia por valor de preto do dous millóns de euros, ós que lle haberá que sumar tamén unha partida de 300 mil para a mellora da rede de abastecemento.
En materia de saneamento está recollida tamén un investimento de 1’2 millóns de euros para EDAR de Queiruga, en Porto do Son.
En canto a infraestruturas tamén aparece unha partida de 1’5 millóns de euros para a variante de Ribeira e outra de 1 millón para a conversión do corredor de Noia en autovía
No apartado de sanitario, a Xunta destinará tamén uns 200 mil euros para a ampliación da área de hospitalización no hospital do Barbanza ou de 500 mil para licitar os proxectos de construción dos novos centros de saúde de Ribeira e Porto do Son, e os 4.5 millóns de euros previstos para seguir coa construción da residencia de maiores de Ribeira.
Nos orzamentos autonómicos inclúese tamén unha partida de preto dos 470 mil euros para completar a mellora da mobilidade no entorno de Palmeira; outra de 250 mil para Porto do Son, para realizar novos departamentos de usuarios e a nave de redeiras e tamén uns 185 mil euros para a reposición da cuberta e o acondicionamento da lonxa de Muros.
Outro dos investimentos máis importantes irá destinado á construción do novo módulo de atletismo da Fieiteira, en Ribeira, para o que se prevén 1’3 millóns de euros.