Cambados acolle mañá a XVII Milla Urbana do Albariño

milla_urbana_albarino250.jpgCAMBADOS> Mañá celébrase a décimo sétima edición da Milla Urbana do Albariño, proba clásica xa no calendario do atletismo galego. A carreira comezará ás sete da tarde e discorrerá polo tradicional circuíto do paseo marítimo do Borrón. A organización prevé xuntar a competidores galegos e foráneos de alto nivel.

A proba divídese en catro categorías, por idades. A categoría raíña será para atletas de 18 a 40 anos, que percorrerán a dobre milla, 3.200 metros. Os veteranos, maiores de 41 anos, correrán unha milla exacta, mentres que as categorías para os menores terán un circuíto de 800 metros. Haberá unha carreira para nenos de 10 a 13 anos e outra para mozos de 14 a 17.

Os únicos premios en metálico serán para a categoría senior: 300 euros para os primeiros, tanto na proba masculina como feminina; 200 para os segundos, 100 para os terceiros e 75 para os cuartos. O deporte continuará en Cambados o sábado, coa 43 edición do Gran premio de Ciclismo do Albariño, que se disputará ás catro e media da tarde.

Redacción Salnés