Os socialistas ven nos ‘recortes’ do tripartito unha suba de impostos

    cacabelos.jpg O GROVE> Solicitan ó goberno local que aclare cales serán as áreas prioritarias na adxudicación de recursos e non reducir as partidas de servizos básicos.

    Os socialistas mecos ven no anuncio do alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, de importantes recortes nos orzamentos municipais deste ano, unha clara vontade de subir os impostos á cidadanía. Non se explican doutro xeito que o tripartito pretenda realizar eses axustes nas contas cando o concello, a 10 de xuño do 2011, ‘dispoñía de 6.500.000 euros –asegura Cacabelos-. Un 70 por cento do total do orzamento para executar’. A esta partida habería que sumar 1.500.00 euros do empréstito concedido para o Centro de Día ou o Pavillón Municipal entre outros equipamentos, sen perder de vista que o concello pechou o pasado exercicio económico ‘cun saldo positivo de 145.000 euros’.

    Para o PSOE do Grove, estes datos son mostra de que ó remate da súa xestión, ‘ningún dos servizos municipais producía perdas’. Unha situación moi distinta, din, á que atoparon cando chegaron ó goberno en 2007: ‘un orzamento esgotado, máis de 700.000 euros en facturas non aprobadas agochadas nos caixóns e unha débeda próxima ó 6.000.000 de euros’. Estas evidencias fan concluir ós socialistas que o actual tripartito ‘descoñece a xestión municipal’, un descoñecemento ‘que trata de agochar con falta de información, descalificacións e ataques á oposición’.

    É por isto que desde o PSOE ofrecen a súa colaboración ó executivo local para xestionar os recursos cos que conta o concello. Iso si, antes solicitan ó tripartito que se deixe de facer anuncios sobre recortes e diga claramente que áreas se verían afectadas por esta contención do gasto. Os socialistas teñen clara a solución: que se recorten os gastos nos soldos dos concelleiros e non en partidas ‘fundamentais’ como servizos sociais e servizos públicos.

    Redacción Salnés