Landín promete ‘ilusión e traballo’ para recuperar a alcaldía de Barro para o PP

BARRO> Outro veterano do Partido Popular tamén deu esta fin de semana o paso adiante definitivo cara as municipais do 26 de maio. A formación presentou a José Antonio Landín como candidato, coa intención de recuperar a alcaldía de Barro.

José Antonio Landín colle pulo para recuperar a alcaldía de Barro. O veterano político perdeu no 2015 o bastón de mando do concello, pero catro anos despois vése con forzas para volver loitar e encabezar a candidatura do Partido Popular.

Dende a tribuna da Biblioteca Municipal e ante unha sala ateigada de veciños, Landín esbozou algunha das propostas da formación. Xa que, asegurou, o PP ten un proxecto de concello para Barro.

O candidato estivo arroupado polo conselleiro de medio rural, a alcaldesa de Moraña e o presidente dos populares pontevedreses. Todos destacaron a súa traxectoria como rexedor de Barro.

José Antonio Landín presentou tamén ao equipo que o acompañará nesta nova etapa. Un grupo que, explicou, suma experiencia, renovación e unha aposta decidida pola xuventude.