O Extrugasa pecha o plantel para a 2010/11

VILAGARCÍA> O Extrugasa ven de anunciar a súa última incorporación de cara á vindeira temporada. Trátase de Salomé García, unha xoven xogadora procedente do filial do Ros Casares e que actúa como aleiro. Con esta fichaxe péchase o equipo para este ano.

A 31 de agosto o Extrugasa pechou xa o seu plantel de cara a temporada que vai dar comezo en mes e medio. Na súa volta á máxima categoría nacional de baloncesto, Tito Díaz contará con dez xogadoras para tentar acadar a permanencia, que é o gran obxectivo.

A última en asinar o seu compromiso co club vilagarcían foi Salomé García, unha xoven xogadora de 19 anos, procedente do equipo junior do Ros Casares, que virá a reforzar o posto de aleiro con seus 178 centímetros de estatura.

Ademais dela, con respecto ó ano pasado continúan Ylenia Manzanares, Montse Gilabert e Cristina Souza, é dicir, o xogo exterior que actuou como titular na campaña do ascenso. Tamén subirá ó primeiro equipo a junior senegalesa Amy N’Deye, que buscará desfrutar de minutos. Ela será o teito do plantel con 1,95 de altura, aínda que outras tres xogadoras superan o 1,90, polo que a parcela física semella ben cuberta: Romana Vynuchalova, Demetress Adams e Mandisa Stevensson, que volve a Fontecarmoa un ano e medio despois de deixar o equipo por aquel entón dirixido por Isaac Fernández. As tres serán importantes no xogo interior.

Completa o platenl a experiencia de Martes Blanes e Begoña García, dúas xogadoras que sobrepasan os 33 anos.

A directiva do Extrugasa deu a coñecer o calendario de partidos do mes de setembro: dous amistosos ante o Celta, os días 16 e 23, un en Vigo e outro en Vilagarcía, e tres de Copa Galicia: o día 11 en Santiago ante o Pío XII, o 18 ante o Arxil en Pontevedra, e o 25 na cancha do Universitario de Ferrol.

O debut ligueiro non se producirá ata o 10 de outubro na pista do Uni Girona.

Redacción Salnés