![]()
VILAGARCÍA> A menos que Tomás Fole execute a resolución plenaria que presentaron onte, demandarano pola vía penal e administrativa.
{flowplayer}images/salnes/MEDIDAS_OPOSICION_FEXDEGA.flv{/flowplayer}
Que o pleno de onte en Vilagarcía serviu para caldear os ánimos entre oposición e goberno quedou patente non só na propia sesión senón tamén no día despois. PSOE, BNG, Esquerda Unida e IVIL volvéronse xuntar para amosar a súa indignación polo sucedido no pleno e sobre todo denunciar a actitude do alcalde, Tomás Fole, á que cualifican de chulesca, antidemocrática e prepotente. Pídenlle que rectifique canto antes e acceda a executar a proposta de resolución plenaria que presentaron onte. De non facelo anuncian a adopción de medidas legais: de carácter penal contra o propio rexedor, e pola vía contencioso administrativa.
Os grupos sosteñen que alterar o contido da convocatoria da orde do día é ilegal, e disto acusan a Fole: de non respectar a redacción da instancia que presentaron o 12 de agosto pedindo a celebración do pleno extraordinario. Pero igual ou máis grave consideran a actitude do rexedor de non executar un acordo tomado pola totalidade da oposición, a maioría do pleno.
Insisten en denunciar que o desmantelamento de Fexdega corresponde a unha manobra estudada pola Xunta para reducir o número de recintos feirais en Galicia. Comezaron por Vilagarcía, din, porque contan cun goberno amigo e un alcalde condescendente coas súas intencións.
Desde a oposición solicitan tamén a unidade de tódolos colectivos sociais de Vilagarcía para que o recinto feiral siga sendo o motor económico da cidade. E resérvanse a facultade de convocar un novo pleno extraordinario se tódalas medidas acordadas non surten efecto.
Redacción Salnés







