SALNÉS> Os viños de Rías Baixas confírmanse como un valor seguro. A pesares dun 2020 marcado polos aranceis de Estados Unidos, o Brexit e o coronaviurs, pecharon o ano confirmando a súa tendencia á alza nos mercados internacionais. As exportacións do exercicio pasado superaron os 8 millóns 100 mil litros de viño, cun valor de máis de 44 millóns de euros.
Nin os aranceis de Estados Unidos, nin a incertidume do Brexit, nin sequera unha pandemia mundial como a da covid19 puido con eles. Os viños de Rías Baixas confírmanse como un valor seguro, e despiden o 2020 mantendo a tendencia á alza nos mercados internacionais.
Segundo os datos do Consello Regulador, 107 das súas adegas puxeron en circulación o pasado ano máis de 10 millóns 800 botellas por todo o mundo, superando os 8 millóns 100 mil litros de viño. Este volumen representa máis do 33% das vendas totais do pasado exercicio, con máis de 70 países que importan viños de Rías Baixas. O valor ascendeu aos 44 millóns de euros.
Si recoñecen que o contexto do 2020 dificultou as operación das adegas. As vendas dos seus viños foron de 24 millóns 300 mil litros, unha diminución do 12% respecto do ano anterior. Así as cousas, a evolución da pandemia e a supresión provisional dos aranceis en Estados Unidos xa se deixan notar: nos dous primeiros meses de 2021 medrou o volumen de viño certificado polo Consello nun 16%.
En xeral, a evolución dos principais mercados é positiva. Estados Unidos mantense como o primeiro destino, cunhas vendas que representan máis do 27% do total exportado. Séguenlle Reino Unido e Porto Rico. Destaca o bo compartamento de países como Canadá, onde as vendas medraron un 40% favorecidas polo CETA, o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o país norteamericano. En Irlanda, pola súa banda, aumentaron nun 15%.
Tamén foi un bo ano para outros destinos como Holanda, Suecia e Rusia. Pola contra, a crise sanitaria pasou factura en Alemaña e México. Fóra do top-ten de países importadores, destaca a traxectoria de Xapón.