Excarceran a un meañés tras bater o seu coche con outro ó saltar un stop

    ACCIDENTECASTRELO.2.JPG CAMBADOS> O accidente tivo lugar na Avenida do Salnés en torno ás once e vinte da mañá. Os dous condutores dos turismos resultaron feridos.

    Unha infracción de tráfico parece estar detrás do accidente de tráfico rexistrado esta mañá na Avenida do Salnés de Cambados. Ó parecer, R.R.S., meañés de 54 anos, non respectou a sinalización de stop situada nun acceso á vía e bateu o Citroën C4 que conducía con outro turismo, un Chevrolet conducido por un veciño de Ribadumia de 63 anos, A.G.D.

    Como consecuencia do choque, o ocupante do Citroën quedou atrapado no interior do vehículo e foi precisa a intervención dun equipo de excarceración para retirar ó ferido. O home amosábase desorientado e presentaba dor cervical e torácica. Unha ambulancia do 061 trasladouno inicialmente ó Punto de Atención Continuada de Cambados para logo derivalo ó Hospital de Montecelo, en Pontevedra. O condutor do Chevrolet tamén precisou asistencia médica, primeiro no PAC e logo no Hospital do Salnés, ata onde o desprazaron aqueixado de dor nas cervicais e no tórax.

    Para encargarse das tarefas de excarceración, atención sanitaria e regulamento do tráfico mobilizouse a Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e unha ambulancia do 061.

    Redacción Salnés