O Poio Pescamar regresa ó traballo con moitas caras novas

POIO> Dende o luns adestran as xogadoras do Poio na Seca preparando xa o debut ligueiro, que non se producirá ata o 1 de outubro. O plantel deste ano presenta moitos cambios incluído o de adestrador: marchou Morenín e chegou Manuel Cossío.

O Poio Pescamar púxose en marcha esta semana en busca xa do estado de forma óptimo para iniciar unha nova andadura na Segunda Nacional, que dará comezo o 1 de outubro e na que o cadro vermello terá que enfrontarse no primeiro partido ó Futsi Navalcarnero.

Antes diso o plantel ten por diante unha longa pretemporada na que adestrarán de luns a sábado ás ordes do novo adestrador Manuel Cossío, chegado dende o Leis Pontevedra.

A semana que ven comezarán cos partidos de preparación, os primeiros correspondentes á Copa Galicia. Enfrontaranse ó Cidade das Burgas de División de Honra o 7 de setembro, e o día 20 ou 21 ó Valdetires Ferrol. Entremedias participarán o día 17 no I Torneo Internacional de Viana do Castelo, en Portugal, no que terán como rivais ó Castanheira, ó Santa Luzía e ó campión luso, o Vermoin.

En canto ó plantel, este ano apóstase polas xóvenes promesas do club. Formarán parte del as xuvenís Ana, Dana, Mar, Claudia e a porteira Carmen. Seguirán as veteranas Charo, Peke e Nerea. Ademais, chegan seis xogadoras novas: as irmás Isa e Marina Fernández, procedentes do Pontevedra, Lara, chegada do xuvenil do Burela, Cuchi procedente do Burela de División de Honra, a porteira internacional portuguesa Daní e a última incorporación feita, Catia Morgado, tamén xogadora lusa que ven de proclamarse recentemente máxima goleadora do Campionato Europeo Universitario celebrado en Finlandia.

Redacción Salnés