Dous rivais complicados para Vilalonga e Sanxenxo

SALNÉS> Rivais complicados para os conxuntos do Salnés, que deberán enfrontarse a dous candidatos ó ascenso: o Vilalonga recibe ó Vilalbés mentres que o Sanxenxo viaxa a Ourense. Na Preferente destacan o Mondariz-Arosa e o Ribadumia-Tomiño.

O Vilalonga estréase diante da súa afección este domingo. Despois da boa imaxe dada na Malata o equipo de Gabi Leis quere facer bo o punto acadado e sumar a primeira victoria diante dos seus. Enfronte terá ó Vilalbés que é un conxunto moi perigoso. O ano pasado foi cuarto e xogou a fase de ascenso a 2ªB, logro acadado polo seu gran rendemento como visitante. Este ano mantén o bloque e reforzouse con xogadores de bo nivel, como o ex do Racing de Ferrol Mauro Poratti. No primeiro encontro impuxéronse na casa ó Alondras. Borja Prieto foi expulsado nese partido e causará baixa o domingo en San Pedro.

Visita complicada a que ten o Sanxenxo que debe acudir ó Couto para enfrontarse ó Ourense. Os de Pachi Salinas venceron no encontro inaugural ó Betanzos e cos bos reforzos que obtiveron este verán, aspiran a todo este ano. Os de Calucho saben que non é a praza máis idónea para puntuar pero tentarán facer un partido serio que poida poñerlle as cousas complicadas ó rival.

Na Preferente o Arosa non quere deixar escapar unha semana máis sen puntuar. Logo da derrota ante o Verín, agora queren resarcirse no campo dun rival imprevisible como o Mondariz, recén ascendido pero que xa demostrou boas maneiras no seu debut na categoría ante o Cruceiro.

Dous dos que mellor comezaron este ano mídense na Senra. Ribadumia e Tomiño. Os do Rosal son líderes logo de golear na primeira xornada. Os de Pablo Vázquez buscan manter a boa imaxe e o bo xogo desplegado en Celanova.

Partido complicado tamén para o Portonovo que recibe ó Cruceiro en Baltar. Os dous equipos buscan a súa segunda victoria neste arranque ligueiro.

Mesmo obxectivo persegue o Céltiga que esta semana enfróntanse ó Atios. Os de Núñez queren darlle continuidade á xeira de resultados que arrastran. Dende o 27 de febrerio non perden en partido oficial.

Redacción Salnés