ILLA DE AROUSA> Ás 22:00 o colexio A Torre, da Illa de Arousa, está a acoller a celebración dunha velada de boxeo. Poderanse presenciar ata seis combates, nas modalidades de kick-boxing e boxeo. A noite será tamén amenizada con exhibicións de capoeira e cun concerto de rock.
Despois dos éxitos obtidos noutras veladas celebradas en Vilagarcía ou en Vilanova, o Club Boxeo Arousa volve á carga na organización deste tipo de eventos. Desta volta o espectáculo trasládase á Illa, ó pavillón do colexio A Torre. Alí a partires das 22:00 celebraranse seis combates nas disciplinas de kick boxing e boxeo.
O club local aportará tres púxiles. Un deles, Luís Cañón é natural da Illa, polo que loitará co apoio dos seus. Tamén estará presente Joao Amorín, un dos loitadores máis talentosos do momento. Estes dous boxearán mentres que o terceiro en discordia, Javi González, pelexará na modalidade de kick boxing. Tódolos combates celebraranse a tres asaltos.
Paralelamente ás pelexas, a noite icluirá dúas exhibicións de capoeira, unha delas levada a cabo por adultos e outra por rapaces. Tamén haberá tempo para a música cun concerto de rock a cargo da banda local Seangles.
O custe das entradas é de sete euros. O evento conta coa colaboración do concello da Illa e de numerosos patrocinadores privados.
Redacción Salnés