Salnés Ciencia, a feira onde a rapazada de dez colexios amosará os seus experimentos e proxectos

CAMBADOS> Dez centros educativos da zona daranse cita este sábado na primeira edición de Salnés Ciencia. Trátase dunha feira que se vai celebrar en Cambados, onde a rapazada poderá amosar os seus experimentos e proxectos. Cada un dos centros terá o seu propio stand, con experiencias relacionadas coas física, química ou outras áreas máis específicas como a viticultura ou a cosmética.

O Salón Peña de Cambados converterase este sábado en punto de encontro dos mellores proxectos científicos do Salnés. Alí terá lugar a primeira edición de Salnés Ciencia, unha iniciativa impulsada polo IES Ramón Cabanillas de Cambados, ao que se sumaron outros nove centros educativos da zona.

Cada un dos centros participantes achegarase ata esta feira aportando entre catro e cinco traballos, o que fai tamén que a temática sexa do máis variado, coa física, química ou robótica como grandes reclamos. Na iniciativa tamén participa o SalnésLab da Mancomunidade do Salnés e colabora tamén o Concello de Cambados.

Este Salnés Ciencia é só unha das actividades que están organizando neste activo centro cambadés. De cara a semana vindeira están organizando un encontro para celebrar o Día Interncional de Tecer en Público. Será o luns 10 no paseo da Calzada, con fins solidarios.

A programación destes días no IES Ramón Cabanillas de Cambados complétase coa carreira dos institutos Memorial Alejandro García Fariña que organizan este venres.