O Vilalonga a rachar coa mala xeira ante o último na táboa

SALNÉS> Esta fin de semana o Sanxenxo recibe ó Bergantiños mentres que o Vilalonga desprázase a xogar a Lalín. Interesante xornada tamén a que nos presenta a Preferente Sur.

Despois de tres xornadas sen perder e de ter mellorado a imaxe dada nas primeiras xornadas o Sanxenxo buscará acadar a primeira victoria diante dos seus. Os empates ante Ordes e Rápido de Bouzas deixaron un sabor agridoce, pero moitas lecturas positivas, como a faclidade que ten o equipo para facer gol, se ben é o conxunto que máis tantos recibe. O Bergantiños está a amosarse como un conxunto moi disciplinado que basea o seu xogo nunha férrea defensa.

Para problemas co gol os de Lalín e Vilalonga que son os equipos menos goleadores do campionato. Mídense no Manuel Anxo Cortizo ambos coa necesidade de vencer para escapar dos postos de descenso, os do Deza son últimos e os celestes cuartos pola cola tras perder os últimos tres encontros de xeito consecutivo. Os de Gabi Leis queren remontar o vóo canto antes.

Na Preferente o líder visita un dos campos máis complicado da categoría, o Javier Guimeráns. O Cruceiro non empezou tan ben como outros anos pero sempre é perigoso. Os de Núñez queren chegar primeiros ó derbi ante o Arosa.

Un Arosa que recibe ó Barbadás, candidato ó ascenso que ata o momento non obtivo bos resultados. Os de Lino González queren esquencer canto antes o tropezo en Nigrán e dar a boa imaxe que ofreceran nos últimos encontrso.

O Ribadumia é outro dos da cabeza que non se quere desenganchar. En teoría esta semana teñen un partido asequible ante o Ourense B, que é último na táboa.

Mentres o Portonovo tentará amosar a cara boa diante dos seus. Os de Luis Casais buscan acadar unha regularidade que aínda non conseguiron. O Tomiño porá a proba o fortín arlequinado.

Redacción Salnés