A Regata Galatea volve a estreitar lazos entre os náuticos de Portonovo e Boiro

BOIRO> Boiro segue sumando regatas ó seu calendario estival. Nesta ocasión será a regata Galatea, promovida polo Náutico de Portonovo, a que recalará en augas crucenses esta fin de semana.

O Náutico de Boiro – Marina Cabo de Cruz será porto de chegada e  saída da vixésimo terceira edición da Regata Hotel Galatea – Trofeo Conservas Pescamar. A proba, presentada esta mañá no Concello,  volve a estreitar lazos entre os náuticos de Portonovo, club organizador, e Cabo de Cruz. A regata partirá o sábado ó redor das dúas da tarde dende Portonovo para chegar a Cabo de Cruz a última hora da tarde.

O club náutico crucense acollerá a entrega de premios ós primeiros clasificados da primeira xornada. O domingo a mediodía, os participantes sairán de Cabo de Cruz para voltar novamente a Portonovo onde se desenvolverá a entrega de premios nas diferentes categorías, unha delas clasificable para o circuíto galego de solitarios a dous.

No encontro participarán preto dunha trintena de barcos, moitos deles cunha tripulación familiar xa que se trata dunha proba moi cómoda.