Ó cambadés tiroteado en Oubiña disparáronlle con dúas armas

    delfin copia.jpg CAMBADOS> Adolfo Chantada Argibay recibiu tres impactos de bala. Continúa grave na UCI do Complexo Hospitalario de Santiago.

    O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, confirmou esta mañá que os tres impactos de bala que recibiu onte Aldolfo Chantada Argibay foron realizados por dúas armas distintas. A Policía Xudicial da Garda Civil traballa no esclarecemento deste suceso que onte causaba estupor na parroquia de Oubiña, en Cambados, de onde é o ferido e onde se produciu tamén o tiroteo. Foi nun alpendre a escasos 200 metros da vivenda da vítima. Ó parecer, Chantada Argibay acabada de deixar á súa moza na casa e dirixiuse a esta finca porque quedara aquí cun amigo. Pero todo apunta a que antes de chegar o compañeiro, unha ou probablemente varias persoas, como se desprende da existencia de dúas armas, lle dispararon tres tiros: un no brazo, outro na perna e outro na zona do estómago que lle afectou seriamente ó fígado, en principio a ferida que revestiría máis gravidade.

    O amigo co que quedara foi quen atopou a Chantada malferido e trasladouno, ó parecer xunto a outra persoa, ata o hospital do Salnés, onde o estabilizaron. Pero a gravidade das feridas obrigou a derivalo ó Complexo Hospitalario de Santiago. Alí foi operado de urxencia e permanece aínda ingresado na Unidade de Coidados Intensivos con prognóstico grave.

    A Garda Civil non descarta polo de agora ningunha hipótese, pero segundo o subdelegado do goberno, tendo en conta que a vítima ten antecedentes penais por narcotráfico, a causa que toma máis peso é que se trataría dun axuste de contas relacionado co trapicheo de drogas. Polo de agora non se produciu ningunha detención.

    Redacción Salnés