O tornado de Sanxenxo deixa numerosos danos na aldea do Freixo

SANXENXO> Na aldea do Freixo os veciños viviron tamén escenas moi angustiosas. Unha familia do lugar mesmo perdeu parte da casa, ó saírlles voando medio tellado. Contando xa os días para poder regresar ó seu fogar, hoxe os seus donos avaliaron os danos provocados polo tornado.

Durou moi poucos segundos, pero na aldea do Freixo, en Sanxenxo, tardarán moito tempo en esquecerse do vivido onte. O tornado cebouse especialmente coa casa de Fátima. Os fortes refachos arrancáronlle dun golpe boa parte do tellado da vivenda, fiestras e mesmo parte da cheminea da casa. No momento do fenómeno no interior da vivenda só estaba a súa nai e a sorte quixo que o tornado deixara intacta a estancia na que a muller se atopaba nese intre.

Fátima, o seu home, os seus dous fillos e maila súa nai xa non puideron durmir onte na súa casa. Polo de agora teñen que facelo noutra vivenda, á espera de que os técnicos avalíen os danos e se garanta por completo a seguridade dentro do inmoble, polo menos da parte na que non houbo danos. Fátima recoñece que aínda non cre o que lles pasou.

A sorte tamén quixo que no momento do tornado Fátima non tivese o coche dentro deste garaxe, que foi pasto tamén do fenómeno meteorolóxico. Na aldea do Freixo, ademais, moitas outras propiedades sufriron danos, dende tellados ata galpóns ou hórreos. Por sorte, e a pesar dos numerosos estragos ningunha persoa resultou ferida.