En funcionamento o novo Centro de Deportes da Raqueta Santa Uxía

RIBEIRA> O alcalde e o edil de Deportes comprobaron de primeira man o enorme éxito que están a ter as novas instalacións. Despois de varios meses pechado, debido ás obras de remodelación levadas a cabo no seu interior, esta mañá reabría as súas portas o pavillón municipal de Coroso. O alcalde, Manuel Ruiz, xunto co edil de Deportes Juan Luis Martínez, achegáronse ata alí para comprobar o resultado dos traballos que posibilitaron a creación do novo Centro de Deportes de Raqueta Santa Uxía cun investimento de máis de 200 mil euros. O rexedor local destacou a importancia da actuación que permitiu a construción de catro novas pistas de pádel e unha pista renovada de squash, ademais de vestiarios, zona de estiramentos e outras salas e almacéns. No acto tamén se atopaba o presidente do recén constituido Club Padel Ribeira, José Carlos Matilla, quen fixo alusión a que as instalacións veñen a dar resposta a unha antiga demanda dos membros do club, e así non ter que desprazarse a outros concellos veciños para a práctica deste deporte. Ata o vindeiro xoves haberá unha semana de portas abertas, coa posibilidade de alugar as pistas gratuítamente previa reserva na propia instalación ou chamando ó teléfono 981 873 268. A partir deste luns, a instalación abrirá en horario regular: de luns a venres de 9 a 1 polas mañás e de 4 a 11 polas tardes; o sábado de 9:30 a 2 e de 4 a 10 horas, e o domingo de 9:30 a 2. En canto a tarifas, o aluguer dunha pista de padel de luns a venres en horario de mañá será de 10 euros por hora, mentres que polas tardes, ademais dos sábado e dos domingos, o prezo será de 12 euros. En canto á pista de squash o seu aluguer ascende a 3,81 euros por hora en calquera franxa horaria. Tanto para unha modalidade coma para a outra, existente tamén a disposición dos usuarios distintos tipos de bonos. Para máis información, os interesados poden dirixirse ás propias instalacións ou no Servizo de Deportes Municipais, na Fieiteira, ou a través da web: www.riveira.es. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/14/visitaalcalderibeiraobraspavilloncoroso140214.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/14/visitaalcalderibeiraobraspavilloncoroso140214.mp4{/flowplayer}