O Liceo afúndese mentres que o Est.Otero achégase á cabeza

SALNÉS> Na última xornada disputada na División de Honra Nacional chegan boas novas dende Cambados onde o Establecimientos Otero impúxose ó Figueres. Todo o contrario que o Liceo Casino de Vilagarcía, que caeu ante un rival directo pola permanencia como o Torrelavega.

Complícase pouco a pouco a permanencia do Liceo Casino de Vilagarcía na División de Honra do tenis de mesa nacional. Aínda queda moito por diante, xa que tan só se cubriu un tercio de campionato, pero iso si, as sensacións que deixan non son para ser moi optimistas despois de caer ante o Torrelavega (2-4), un dos claros candidatos ó descenso.

O resumo do encontro é sinxelo. Sergey Nigeruk exerceu de líder do seu equipo e sumou os puntos ante David Chamorro e Salvador Alfonso sen problemas, por 3-0 en ambas ocasións. Eses resultados serviron para empatar o encontro por dúas veces pero logo, nin Francisco Monroy nin Samuel Pereiro puideron arañar un punto que os levase canda menos ó encontro de dobres. Dolorosa derrota para o Liceo que agora descansará dúas semanas. Ata o 3 de decembro non volve a xogar, será na casa ante o Monteporreiro.

Na situación contraria atópase o Establecimientos Otero, que despois dun inicio titubeante, agora codéase cos mellores da liga e xa é cuarto na táboa. Todo grazas a un agónico triunfo ante o Tramuntana Figueres por 4-3. A victoria cimentouse en tres partidos clave: no cuarto choque medíronse os líderes de ambos conxuntos Kazeem Ahmed e Yi Long Li con 1-2 no global para os cataláns. O nixeriano sacou o punto para os cambadeses con moito sufrimento, por 3-2. E con 2-3 no global, Adrián Vidal non errou para mandar o encontro ó dobres tras vencer a Pau Gaju. Nese derradeiro e decisivo partido Ahmed e Vidal impuxéronse por 3-2 a Long Li e Jordi Piella e deixaron os puntos na casa.

O vindeiro encontro do Establecimientos Otero será tamén ante o Monteporreiro, pero os cambadeses afrontarano a vindeira semana e fóra da casa.

Redacción Salnés