O programa Xogade reúne este sábado en Poio a preto de 500 escolares no Campionato Galego de Cros

POIO>  O programa Xogade reúne este sábado en Poio a preto de 500 escolares no Campionato Galego de Cros. Trátase dunha proba destinada ás categorías alevíns, infantís e cadetes. Vaise disputar na Seca entre as 10.00 e as 13.00 horas.

Ata o concello achegaranse nenos e nenas de 52 clubs, 26 centros educativos e tres escolas deportivas municipais de toda Galicia.

As carreiras organizaranse por categoría e por xénero na contorna da Seca. Ás 11.00 horas comezará a categoría cadete feminina, nunha distancia de 3.000 metros, seguida da cadete masculina co mesmo percorrido. Posteriormente, serán as categorías infantil feminina e masculina, respectivamente, nunha distancia de 2.500 metros, para rematar os alevíns feminina e masculina, nun circuíto de 2.000 metros.

Entregaranse medallas aos tres primeiros clasificados individuais de cada categoría e os tres primeiros equipos de cada categoría. Ademais, na categoría cadete, as tres primeiras persoas clasificadas na categoría feminina e masculina representarán á selección galega no nacional de cros escolar que se celebra a finais de xaneiro en Madrid.