SALNÉS> O Rasoeiro xogaba na casa ante o Bueu e perdeu, mentres que o Balonmán.com sacou adiante e con facilidade o seu partido ante o Atlético Novás.
Non se agardaba un encontro tan sinxelo para o Balonmán.com, que non sen traballo foi quen de pasar por enriba do Atlético Novás, un conxunto ó que só aventaxaba nun punto na clasificación antes deste partido. Os de Pedro Pérez marcaron un ritmo de xogo moi alto dende o inicio e con acerto en ataque, e sobre todo cunha boa defensa, foron quen de ir abrindo oco no marcador. Chegaron 16-11 ó descanso.
Continuou a mesma tónica no segundo tempo. Lonxe de reaccionar, o Novás non opuxo practicamente resisitencia e as diferencias fóronse ampliando a favor dos de Pedro Pérez, que finalmente acabarían gañado por 33-24. Pablo Novás e Jorge, con oito tantos cada un, foron os mellores dos meañeses que agora son segundos na xeral. A semana que ven visitarán a pista do penúltimo na táboa, o Tirso Molina.
Se ben o Balonmán.com está practicamente clasificado para xogar polo ascenso, o que quédase sen opcións despois desta semana é o Rasoeiro, que é quinto na táboa a cinco puntos do cuarto, o Novás, cando restan oito puntos en liza.
As esperanzas esvaecéronse despois da derrota por 29-32 ante o Bueu nun encontro no que os de Quito Parada xogaron moi ben, sobre todo no primeiro tempo, pero no que faltoulles físico para chegar con forzas e resistir o arreón final dos visitantes. Juanjo, con oito goles, foi o mellor dos grovenses que a semana que ven xogaranse ante o Novás as súas últimas opcións de meterse na fase de ascenso.
Redacción Salnés