Arosa e Ribadumia non queren descolgarse da cabeza

SALNÉS> Tres dos catro equipos do Salnés xogan na casa, todos agás o Ribadumia. Céltiga e Portonovo buscan recuperarse do seu mal momento cunha victoria mentres que Arosa e o propio Ribadumia tentarán tamén sumar os tres puntos para non ceder ante o alto ritmo imposto polo líder Choco.

O Arosa xogará de novo baixo os focos da Lomba. Ás seis da tarde recibe á revelación do campionato, o Barco, que chega á cita cuarto. Agás en Portonovo, onde perderon 4-0, os ourensáns amósáronse ata o de agora como un conxunto moi fiable e regular. Tamén é ceerto que agora afrontarán a parte complicada do calendario ante os equipos de arriba. Os locais queren brindarlle de novo unha victoria á súa afección, despois dun mes sen facelo. Liños é baixa por sanción.

Como baixa será tamén Miguel Cobas no Ribadumia e por catro partidos. Así de duro foi o Comité de Competición co central aurinegro e con Diego Villaverde, o xogador do Marín implicado nese altercado. Con esta baixa importante os de Pablo Vázquez desprázanse á capital do Lérez para xogar ante o Pontevedra B e defender o seu terceiro posto na táboa. O fililal granate é un conxunto capaz do mellor e do peor. Agora levan sete partidos sen gañar, un bo momento para que o colla o Ribadumia e siga sumando.

Máis abaixo na táboa quedáronse xa Céltiga e Portonovo, ambos descolgados a cinco puntos dos postos de ascenso logo dunha xeira negativa de resultados. O Portonovo tentará recuperar as boas sensacións despois de perder ante dous rivais directos como Choco e Ribadumia pola mínima. O Ourense B preséntase en Baltar como un bo rival para os de Luís Casais, que aínda así farían mal en confiarse, ante un equipo xoven e inexperto pero que dispón de xogadores de calidade e que ademais chega reforzado tras acadar a semana pasada a primeira victoria da temporada.

No Salvador Otero mídense dous equipos que practicamente xa se esquenceron do que é gañar. Porque catro partidos sen vencer para os de Núñez son moitos se é que queren estar cos de arriba. O Tomiño, que demostrou na Lomba ser un equipo moi correoso, leva oito xornadas sen gañar, sen embargo é un conxunto difícil de dobregar, é o que máis empata da liga.

Redacción Salnés