Catro anos e medio de cadea para o ex-secretario do pósito portonovés

    positovilanova.jpg SALNÉS> A sentenza da Audiencia de Pontevedra establece que Joaquín Domínguez é responsable dun delito de malversación de caudais públicos.

    Logo de levar aberto preto de seis anos, o caso do desfalco nas contas da confraría ‘San Roque’ de Portonovo remata cunha condena de prisión para o antigo secretario do pósito: Joaquín Domínguez. A teoría dunha presunta conspiración política en contra del -como tratou de xustificar o acusado durante o xuízo- parece que non callou nin no xurado popular nin na maxistrada instrutora do procedemento. A xuíza atendeu á petición do fiscal decretando para el unha pena de catro anos, seis meses e un día de cadea como responsable dun delito de malversación de caudais públicos.

    Esta valoración coincide co apuntado hai unhas semanas polo xurado popular, que no seu veredicto consideraba probado que Domínguez se apropiara entre os anos 2000 e o 2005 de algo máis de 150.000 euros propiedade do pósito para o seu beneficio persoal, cantidades algunhas concedidas pola federación provincial de confrarías para subvencionar o plan de vixilancia do polbo. Deixaron fóra desta conta preto de 17 mil euros xustificados por dietas, cursos e outros conceptos.

    Á vista deste ditame, o Fiscal decidiu ademais incrementar de oito a dez anos a petición de inhabilitación para desempeñar un cargo público, unha proposta que finalmente non atendeu a xuíza, posto que deixou en oito os anos nos que o ex secretario non poderá traballar como funcionario.

    Redacción Salnés