Sanxenxo xa presume das súas 18 bandeiras azuis nas súas praias, coa novidade de Pampaído

SANXENXO> Como novidade incorpórase á lista de areais o de Pampaído, que por primeira vez contará con este distintivo que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor. O municipio sitúase un verán máis como referente de toda España, repetindo como o concello con máis insignias. Ademais da súa calidade ambiental, as praias de bandeira azul deben contar con todos os servizos, entre eles, o de socorrismo. En Sanxenxo máis de 80  persoas velarán este verán pola seguridade dos bañistas.

Unha a unha Sanxenxo foi despregando este xoves as súas 18 bandeiras azuis nas súas praias. O municipio volve situarse como a referencia de España, repetindo como o concello que máis insignias ten deste tipo. Un distintivo que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, recoñecendo a calidade e sostibilidade dos areais.

O primeiro dos izados deste ano fíxose neste areal de Montalvo. Unha praia que leva 26 anos consecutivos presumindo de bandeira azul. De feito, na lista deste 2026 todas as praias que tiveron bandeira azul o ano pasado repiten e súmase unha máis: a de Pampaído.

Máis alá da calidade ambiental, estas praias contan cunha serie de servizos, entre eles persoal de socorrismo. O concello despregou este verán un equipo de 87 socorristas.

E con todo preparado para a tempada estival, o alcalde augura un bo verán.

E lonxe de aspirar a novos récords, o alcalde di que o importante é seguir mantendo o liderado a nivel español, como referente do norte peninsular.