Sanxenxo decidirá a Volta Ciclista a Galicia

SANXENXO> A vila acollerá este domingo a terceira e última etapa da competición na que se desvelará o vencedor da proba, xa que pola configuración do trazado e a criba das etapas anteriores, será aquí, no Salnés, onde se reparta o pastel. Dezanove equipos competirán por subir ó podio, entre eles a selección de Venezuela. Recuperándose aínda do paso da Volta Ciclista a España, o Salnés acollerá este domingo outra proba de primeiro nivel: a Volta a Galicia. Sanxenxo será o municipio de saída e chegada a terceira e última etapa da competición na que se decidirá todo. A Volta comezará o venres cun primeiro treito entre Santiago e o Alto de Montouto. Etapa curta, de 78,300 quilómetros con dificultade media pero que servirá como primeira criba. A segunda etapa terá saída e chegada na cidade da Coruña. Será a máis longa. 148 quilómetros dunha complicación e complexidade deportiva elevada. Xa no domingo, os corredores enfrontarán o treito final da competición en Arousa. Ás dez da mañá sairá o pelotón do paseo de Silgar para percorrer os 135 quilómetros de trazado. Pasarán por Ribadumia, Moraña, Cuntis, Alto de Castro Loureiro, chegando ata A Estrada para retornar a Sanxenxo pasando por Cuntis, Caldas, Altos do Pousadoiro e Monte Lobeira, meta voante en Ribadumia, Armenteira e chegada ó Paseo de Silgar. Dezanove equipos participarán nesta décimo terceira edición da Volta a Galicia, seis deles galegos, entre os que destacan o Froiz de Poio e os clubs ciclistas Rías Baixas, o vigués ou o de Padrón. Por primeira vez estará tamén presente a selección de Venezuela, que solicitou participar no evento como proba clasificatoria para participar na seguinte semana no mundial de Ponferrada. Apuntar que tanto na saída ás dez da mañá, como na chegada prevista para a unha e cuarto da tarde a Sanxenxo, pecharase puntualmente ó tráfico a Avenida Luis Rocafort e Paseo de Silgar.