O Salnés acollerá tres etapas da Volta a España

SALNÉS> Onte foi presentado de xeito oficial o trazado da Volta a España 2012. Unha edición histórica para Galicia e en particular para o Salnés. Ata tres etapas disputaranse nesta comarca: unha con final en Sanxenxo, outra con saída en Vilagarcía e unha contrarreloxo entre Cambados e Pontevedra.

A de 2012 será a Volta do Norte. Non haberá ningunha etapa nas comunidades do sur peninsular, a máis meridional, a chegada a Madrid.

A saída, o día 18 de agosto, en Pamplona, cunha contrarreloxo por equipos. O día 28, martes, primeira etapa con paso polo Salnés. Saída en Ponteareas e chegada en Sanxenxo despois de 166 quilómetros de percorrido. Unha etapa sen dificultades montañosas importantes e propicia para unha chegada masiva ó sprint. Está por ver se a liña de meta colócase en Baltar ou na Rúa Progeso. O que está claro é que a presencia de público será moi numerosa debido á data na que se disputa.

Ó día seguinte, mércores 29 de agosto, celébrase a única contrarreloxo individual da Volta con saída na Praza de Fefiñáns, en Cambados, e chegada en Pontevedra. Pasarase por Ribadumia e subirase ó Monte Castrove. 40 quilómetros en total.

Para o xoves 30, Vilagarcía vestirase de gala para acoller a saída da duodécima etapa. Será ou ben na explanada TIR ou na zona de Fexdega. Dende alí o pelotón pasará por Caldas, Cuntis, adentrarase no Barbanza e chegará ata o Mirador do Ézaro, en Dumbría, nunha ascensión espectacular de apenas de 2 quilómetros de lonxitude pero con rampas salvaxes de ata o 28%.

Ademais das tres etapas do Salnés, haberá outras dúas máis en territorio galego, unha entre Santiago e Ferrol e outra entre Lugo e o Alto dos Ancares.

Unha edición polo tanto máis que especial para os afeccionados ó ciclismo en Galicia que poderán vivir ata cinco etapas dunha Volta que abandona setembro e agárdase moi calurosa.

Redacción Salnés