A Deputación coruñesa oferta unha nova Campaña de Esquí

BARBANZA> Un total de cincocentos rapaces de idades comprendidas entre os once e os quince anos de concellos de toda a provincia da Coruña beneficiaranse un ano máis da campaña de esquí que organiza a Deputación. Será entre o sete de febreiro e o once de marzo, en diversas viaxes á estación invernal de Leitariegos en León. Con esta nova edición da campaña, a institución provincial que preside Valentín González Formoso pretende que os rapaces da provincia teñan a oportunidade de iniciarse na práctica do esquí e participar en diversas actividades deportivas e culturais que se organizarán de xeito complementario durante un período de cinco días. Os rapaces interesados en participar nesta experiencia deberán presentar no seu concello a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor do solicitante. O prazo de de inscrición estará aberto ata o próximo vinte e dous de xaneiro. Para máis información e descargar a ficha de inscrición pode consultarse a propia páxina web da Deputación coruñesa: www.dacoruna.gal.