Os vieireiros á espera dun segundo negativo que permita abrir a campaña

    fotovieiracopia.jpgCAMBADOS> Todo depende das mostras tomadas esta mañá e que están sendo analizadas polo Intecmar.

    {flowplayer}images/salnes/PrevisionsVieira310112.flv{/flowplayer}

     A campaña da vieira podería estar a piques de abrir. Todo depende das mostras tomadas esta mañá e que están sendo analizadas polo Intecmar. Unha das mostraxes realizadas a semana pasada xa dera negativo, polo que de repetirse eses resultados nas mostras tomadas hoxe a flota podería saír a faenar.

    Optimistas pero cautos. Así se amosan os vieireiros de Cambados ante a posibilidade de que nuns días se puidera abrir por fin a campaña da vieira. Para poder capturala é preciso que os niveis de toxina estean por debaixo do 4,6 en dous análises realizados nun período de sete días. O primeiro negativo acadouse o mércores pasado, polo que o de hoxe é o resultado definitivo.

    Aínda que se amosa optimista o presidente dos vieireiros e vicepatrón da confraría de Cambados, tampouco quere adiantarse, posto que os niveis estanse a mover nunha marxe moi pequena.

    Nos últimos anos a campaña da vieira abriuse en decembro, o que permitía ter vieira de Cambados no mercado para as datas de Nadal. Hai que remontarse ata o 2007 para atopar unha situación similar á de este ano. E se miramos máis atrás, houbo anos que mesmo empezou máis tarde coma o 2003 que non se abriu ata abril. Miser agarda que esta tempada a cousa non se alongue tanto e sexa cuestión de días, por que? Porque agora a vieira está engordando.

    En Cambados saen á vieira uns 60 barcos que supoñen aproximadamente 180 homes, sen contar ós que veñen doutras confrarías. É difícil calcular canto tempo poderá manterse aberta a campaña da vieira pero Miser agarda que aguante polo menos dous meses.

    Redacción Salnés