CAMBADOS> O bipartito de Cambados podería sacar adiante os orzamentos coa abstención de Cambados Pode e do Partido Popular. O goberno local criticou ao BNG por ser o único partido que votou en contra na comisión de información. En caso de que non sexan aprobados no vindeiro pleno, a alcaldesa convocará unha sesión extraordinaria para vinculalos a unha cuestión de confianza.
A situación económica e social actual obriga ao goberno municipal de Cambados a sacar adiante un novos orzamentos para cubrir os efectos da pandemia. Despois de meses de negociación, o bipartito inclúe no documento as demandas dos partidos da oposición para poder acadar un acordo. Un deses puntos de desconformidade estaba relacionado coas obras que se levarán a cabo no municipio. Unha información que o concello aclarou hoxe á oposición na comisión informativa.
Pero o punto que máis distanciaba ao goberno e á oposición era a partida destina a liberacións de determinados concelleiros. Dende o bipartito aceptarán retirar esa partida e destinala a outros sectores castigados pola pandemia.
Na comisión informativa o Partido Popular e Cambados Pode decidiron absterse, mentres que o BNG votou en contra dos orzamentos. Dende o bipartito móstranse moi críticos coa formación nacionalista.
Os orzamentos serán debatidos no vindeiro pleno do concello de Cambados. En caso de que sexan rexeitados, a alcaldesa convocará un pleno extraordinario para vinculalos a unha cuestión de confianza.
Dende o bipartito aseguran que farán todo o posible para que Cambados conte cuns novos orzamentos, incluído abandonar o goberno se a oposición o decide. Advirten da importancia destes orzamentos para cubrir as necesidades dos servizos sociais, axudas aos autónomos e limpeza dos centros escolares.