Hai outros tres arousáns en busca e captura polo alixo do Ratonero

    O SALNÉS> O Ratonero chegará mañá ó Porto de Vigo, remolcado polas embarcacións do Servicio de Vixilancia Aduaneira.

    {flowplayer}images/salnes/chegada_ratonero.flv{/flowplayer}

    Esta embarcación foi abordada a primeiras horas da xornada do mércores en augas próximas á Illa de Madeira por efectivos do antedito Servicio de Vixilancia e da Garda Civil que encontraron nas súas adegas un total de 3.600 quilos de cocaína, repartidos en 90 fardos de cadanseus 40 quilos. Unha vez que chegue ó Peirao olívico, os seus cinco tripulantes pasarán a disposición do Xulgado de Instrucción número 3 de Vigo, onde lles tomará declaración a xuíza titular, Marisol López.

    Entre os detidos figuran un cidadán colombiano, un uruguaio afincado na Arousa e tres arousáns, entre eles o armador José Luís Devesa Devesa. A investigación deste caso continúa aberta, polo que non se descartan novas detencións. De feito, os axentes da orde portugueses buscan agora a outros tres arousáns, Braulio Vázquez Vázquez, Juan Carlos Santorum e Francisco Fernández ós que acusan de tripular unha planadora que deixaron varada no pobo de Paúl do Mar.

    Esta semirríxida de 12 metros de eslora e dotada de 4 motores de cadanseus 350 cabalos, estaría destinada a auxiliar o Ratonero, que faría de nave nodriza, para transportar a terra de xeito máis rápido a mercancía incautada. As autoridades lusas manteñen un intenso dispositivo de rastrexo e mesmo divulgou as imaxes dos tres veciños da Arousa nun coñecido diario de Portugués para dar con eles, posto que entenden que poderían estar aínda na Illa de Madeira.

    Redacción Salnés