Por Tenerife pasa media fase de ascenso

VILAGARCÍA> O Cortegada que visita ó sabado ó Uni Tenerife. Trátase dun rival directo na loita por meterse na fase de ascenso. De gañar as vilagarciáns darían un paso de xigante para acadar ese obxectivo.

Segundo partido consecutivo fóra da casa do Cortegada ante un rival directo pola fase de ascenso. De momento as cousas non lle foron ben ás vilagarciáns cando tiveron que visitar as canchas dos primeiros clasificados, xa que perdeu en todas elas, ante Bembibre, Ensino e Universitario de Ferrol, con este último o pasado sábado.

As de Pepe Vázquez queren rachar con esa xeira negativa esta xornada ante o Uni Tenerife que chega quinto na táboa, con dous triunfos menos que o Cortegada e a un da fase de ascenso, que agora marca o Ensino. E é que unha victoria das vilagarciáns podería significar medio billete para esa fase de ascenso. Aínda quedan moitas xornadas por diante, pero despois deste partido, no calendario das de Fontecarmoa quedarán seis encontros dos cales cinco semellan asequibles. Tan só a visita ó Cácares antóllase como complicada. Gañando o sábado, as contas poderían saír incluso vencendo só os partidos da casa, todos ante rivais da zona media e baixa da táboa.

O encontro de ida non pode servir como referencia para o Cortegada. Foi se cadra o mellor partido das vilgarciáns ante a peor versión dun Uni Tenerife que sucumbíu por 30 puntos de diferencia (75-45). Salvo debacle, o basketaverage tamén quedará do lado das vilagarciáns. Iso sí, a pista das canarias é un fortín onde perderon precisamente Bembibre, Ferrol e Ensino.

Do Uni Tenerife destaca a súa ala pivot Verónica Matoso, unha xogadora que a piques estivo de recalar en Fontecarmoa e que é o sustento do equipo en anotación e rebote, xunto coa pivot americana Melissa Goodall e outra estadounidense, Linsey Vandiver, unha aleiro con boas porcentaxes de acerto en tiro. O Cortegada deberá controlar moi ben a estas tres xogadoras.

Unha victoria das vilagarciáns pasa tamén pola aportación do xogo interior, máis intermitente nos últimos partidos e polo acerto no tiro das súas exteriores, que soen baixar o seu rendemento fora da casa, agás Liepkalne, que atravesa por un bo momento de forma. O partido dará comezo ás 19:00 do sábado.