Os sindicatos botan o resto para que a folga sexa un éxito

    uxtfolga copia.jpg VILAGARCÍA> UXT e CCOO insisten en presentar a reforma como un documento que recolle a ‘ideoloxía política’ do PP pero non pensada para ben dos traballadores.

    {flowplayer}images/salnes/FOLGA_UXT_270312.flv{/flowplayer}

    Os sindicatos apuran as súas mensaxes de mobilización para que o vindeiro xoves a folga xeral conte cun amplo respaldo. Chaman á conciencia dos traballadores presentando a reforma laboral do actual goberno do PP como un documento político, no que se plasma a súa ideoloxía conservadora, pero que en ningún momento, din desde UXT, foi redactada pensando nos traballadores. Chamamento especial fan ó sector da hostalería, ós autónomos e pequeno comercio a secundar a folga, porque eles, din en UXT, acabarán sendo os principais prexudicados pola reforma ó reducirse a capacidade adquisitiva da poboación.

    Tralas asembleas e reunións con traballadores que veñen mantendo nos últimos días, na UXT aseguran que unha gran parte da poboación está concienciada da necesidade de tomar parte na folgar. Incluso sectores máis afastados dos ámbitos sindicais. É por isto que desde UXT e CCOO confían en que a folga xeral será un éxito.

    Ambas formacións insisten en que a reforma laboral trunca o pacto social, dando carta branca ós empresarios, desprezando o pacto de moderación salarial incluído no acordo que sindicatos e patronal asinaron o pasado 25 de xaneiro, ademais de culpar ó goberno central de empregalo como arma para calar ás formacións sindicais.

    Ollo ás coaccións

    Esa impresión de amplo apoio á folga é compartida polo sindicato CIG, que convoca o paro á marxe de UXT e Comisións. Nun escrito remitido ós medios aseguran que nas distintas empresas polas que están a pasar chamando á folga, estanse a atopar cunha boa acollida por parte dos traballadores, sobre todo nos sectores da construción, metal e da industria, nos que agoiran que os paros serán maiores. No polo oposto atópase o sector servizos así como o pequeno comercio ou a hostalaría, onde as manifestacións de seguimento de folga son ambiguas ou fanse con reservas.

    O sindicato nacionalista advirte tamén de que se están a atopar con indicios de coacción a traballadores nalgunhas empresas, ó obrigarlles a asinar un documento manifestando se secundarán ou non a folga. Desde a CIG alertan que se trata de unha coacción á liberdade dos empregados e unha infracción administrativa, polo que se pode denunciar.

    Ademais, inciden en que só as empresas que prestan servizos esenciais á comunidade están obrigadas a manter servizos mínimos, medios que ten que determinar a Autoridade Laboral. Á marxe destas entidades, nos demais centros de traballo só se poden impor servizos de mantemento de instalacións, pero nunca para manter a cadea produtiva.

    Redacción Salnés