MORAÑA> O centro de saúde de Moraña duplicará a súa superficie para dotalo de novos espazos. O futuro ambulatorio pasará a ter preto de 1.000 metros cadrados nun único andar. Esta mañá, o Conselleiro de Sanidade e o alcalde da localidade asinaron un protocolo para executar esta ampliación con encaixe no urbanismo municipal. Julio García Comesaña aproveitou a súa estadía en Moraña para anunciar que a Xunta tentará cubrir a praza de médico vacante neste concello a través da oferta pública de emprego que acaba de ser convocada.
A ampliación do centro de saúde de Moraña está hoxe un chisco máis preto de ser unha realidade. O futuro ambulatorio duplicará a superficie das actuais instalacións, pasando dos 400 a case os 1000 metros cadrados. Esta reforma permitirá incorporar novos servizos, como unha unha consulta de medicina, salas de técnicas e polivalente e consulta de docencia. Esta mañá, o conselleiro de Sanidade e o alcalde asinaron un protocolo para executar esta ampliación con encaixe no urbanismo municipal.
Para iso, o Concello ponse mans á obra. Calcula que nun prazo de 12 meses quedará resolta a reforma do plan de urbanismo para poñer a disposición da Xunta os terreos. O Sergas ten 220.000 euros reservados nos presupostos deste ano para iniciar esta obra, e mediante a sinatura de hoxe o Goberno galego comprométese a blindar esta partida orzamentaria ata o momento no que o concello remate os trámites.
Ademais, aproveitando a súa visita a Moraña, o Conselleiro anunciou que a Xunta tentará cubrir a praza de médico vacante neste concello a través da oferta pública de emprego que acaba de ser convocada. En total, esta oferta pública de emprego tentará cubrir máis dun cento de prazas vacantes en medicina primaria en toda Galicia.