Juan Carlos Andrés xa exerce coma novo adestrador do Boiro

BOIRO> O técnico vigués, que foi presentado oficialmente onte pola noite en Barraña, pretende mellorar a xeira de resultados do equipo neste inicio de tempada. Non tardou moito a directiva do Club Deportivo Boiro en elixir á persoa que substituirá a Gelucho nos banquillos. Varios eran os nomes que se barallaban, aínda que dende un primeiro momento Juan Carlos Andrés era un dos preferidos, xa que se axustaba ó perfil que buscaban: adestrador novo e con experiencia na categoría. A directiva confía en el para sacar ó Boiro da actual situación. É penúltimo con tan só catro puntos e aínda non coñece a vitoria no que vai de tempada. O técnico vigués, de 37 anos, dirixiu nos últimos cinco anos ó Rapido de Bouzas, aínda que na actualidade estaba sen equipo. Para el esta será unha nova etapa, que agarda veña cargada de éxitos, tratando de mellorar a mala racha de resultados do equipo esta tempada. Aínda que xa foi presentado oficialmente, con toda seguridade este próximo domingo estará na grada de Barraña vendo o equipo ante As Pontes. O encargado de dirixir ó Boiro será nesta ocasión o adestrador dos cadetes, Rubén López, que xa estivo dirixindo os adestramentos toda esta semana despois da destitución de Gelucho.